Sistema Internacional (I): Por que un metro mide 1 m

Tras subtitularmos hai unha semana o vídeo A mellor e a peor predición da ciencia, continuamos coa nosa rolda de traducións de vídeos de divulgación científica. Hoxe comezamos cunha serie de vídeos da canle francesa e-penser, na cal fan un percorrido ao longo das unidades do Sistema Internacional: o metro, o segundo, o quilogramo, o kelvin, o ampere, o mol e mais a candela.

Nesta primeira entrega vemos como variou ao longo do tempo o xeito de medir lonxitudes, como se chegou á idea de deseñar unha unidade universal («católica»?) de lonxitude e como foi mudando a definición do metro a través da historia. Resumindo, por que un metro mide 1 m?

Lembra que, para veres os subtítulos en galego, soamente tes de premer no vídeo en «Configuración», «Subtítulos» e escoller a túa lingua!

Advertisements

A mellor e a peor predición da ciencia

Desde Ciención de Breogán seguimos subtitulando en galego todos os vídeos de divulgación científica que podemos. Nesta ocasión é a quenda dunha das canles divulgativas máis importantes de YouTube: Veritasium. Este vídeo de hai un ano tenta explicar o fenómeno das partículas virtuais, que curiosamente serven como alicerce teórico dunha das predicións máis precisas da ciencia actual (o comportamento do Universo con relación á constante cosmolóxica) e, ao mesmo tempo, dunha das predicións máis salvaxemente erradas da ciencia actual (o comportamento do espazo baleiro). Como é posible que o mesmo principio responda de xeitos tan diferentes en ramas distintas da física? En Veritasium tentan explicárnolo.

Lembra que, para veres os subtítulos en galego, soamente tes de premer no vídeo en «Configuración», «Subtítulos» e escoller a túa lingua!

 

O mapa das matemáticas, con subtítulos en galego!

Como xa fixeramos co mapa da física, do que publicamos unha tradución da imaxe e do vídeo de Dominic Walliman hai varios meses, en outubro publicabamos a tradución do seu mapa das matemáticas en formato imaxe e hoxe toca o vídeo, que xa está subtitulado en galego! Lembra que, para o veres, só tes de premer en «Configuración» e elixir a túa lingua. Vémonos!

O mapa da física, con subtítulos en galego!

Hai máis dunha semana publicabamos a tradución do mapa da física de Dominic Walliman. Aquel mapa proviña dun vídeo en inglés do mesmo autor, vídeo que xa se pode ver subtitulado en galego. Para conseguilo, soamente tes de facer clic sobre o botón «Configuración» e elixir os subtítulos na lingua de Pondal. Gózao!