O movemento de partículas suspendidas en líquidos en repouso, consonte o esixido pola teoría cinético-molecular da calor

[Esta é unha tradución do artigo orixinal de 11 de maio de 1905 Über die von der molekularkinetischen Theorie der Wärme geforderte Bewegung von in ruhenden Flüssigkeiten suspendierten Teilchen, de Albert Einstein, que pode lerse nesta ligazón. Hai dispoñible unha versión en pdf aquí. É o segundo artigo da serie Wunderjahr.]

titular

Neste traballo vaise amosar que, consonte a teoría cinético-molecular da calor, cando hai corpos de tamaño microscópico nunha suspensión líquida, estes deben experimentar movementos debidos ao movemento molecular da calor que poden ser comprobables facilmente coa axuda dun microscopio. É posible que os movementos que se van tratar aquí sexan idénticos ao denominado «movemento browniano»; porén, a información que puiden atopar verbo deste último foi tan inexacta que non podo aseguralo con fiúza.

Se realmente pode observarse o devandito movemento en consonancia coas regras que o predín, daquela a termodinámica clásica xa non poderá considerarse válida con precisión para porcións do espazo distinguibles microscopicamente, e será posible a determinación exacta do verdadeiro tamaño do átomo. Se, pola contra, a predición deste movemento resultase errónea, sería un importante argumento contra da interpretación cinético-molecular da calor. Seguir lendo

Unha perspectiva heurística acerca da creación e a transformación da luz

[Esta é unha tradución do artigo orixinal de 17 de marzo de 1905 Über einen die Erzeugung und Verwandlung des Lichtes betreffenden heuristischen Gesichtspunkt, de Albert Einstein, que pode lerse nesta ligazón. Hai dispoñible unha versión en pdf aquí. É o primeiro artigo da serie Wunderjahr.]

titular

Existen fondas diferenzas formais entre, por unha banda, as descricións teóricas dos gases e doutros corpos materiais empregadas polos físicos e, pola outra banda, a teoría de Maxwell dos procesos electromagnéticos no denominado «espazo baleiro». Mentres consideramos que o estado dun corpo queda perfectamente definido coas posicións e velocidades dunha determinada cantidade (certamente moi grande, si, pero finita) de átomos e electróns, para a descrición do estado electromagnético dunha rexión do espazo servímonos de funcións espaciais continuas, de xeito que unha cantidade finita de variables non pode considerarse abonda para determinar completamente o estado electromagnético da devandita rexión. Consonte a teoría de Maxwell, ao falar de fenómenos puramente electromagnéticos e, polo tanto, da luz, a enerxía debería interpretarse como unha función espacial continua; porén, a enerxía dun corpo material está representada, segundo a interpretación actual dos físicos, pola suma de todos os seus átomos e electróns. A enerxía dun corpo material non pode dividirse nunha cantidade arbitrariamente grande de partes arbitrariamente pequenas; secasí, consonte a teoría de Maxwell (ou consonte calquera teoría ondulatoria en xeral) a enerxía dun raio de luz emitido por unha fonte luminosa puntual distribúese continuamente por un volume cada vez máis extenso.

Seguir lendo