[Esta é unha tradución autorizada de Ciención de Breogán, adaptada do artigo orixinal de 8 de novembro de 2010 Teoría de juegos XI – El problema de las pensiones, de Javier “J” Sedano, que pode lerse en El Cedazo. Toda a serie Teoría de juegos está publicada en forma de libro, dispoñible aquí.]
[O artigo previo da serie é Teoría de xogos (X): Xogo de confianza.]
Polo de pronto, empregamos todos os artigos para, primeiro, cubrirmos un xogo máis ou menos artificial, e logo dedicarlle unha parte do artigo a contarmos algunha situación real que puidésemos facer análoga ao xogo.
Hoxe ímoslle dedicar un artigo completo a unha situación real e logo farémoslle unha pequena análise: o problema das pensións. Primeiro contaremos como é, despois exporémolo coa linguaxe da teoría de xogos e resolverémolo, e logo tentaremos aplicarlle as súas conclusións ao problema real inicial.
Por certo, non esperedes que atopemos aquí a solución (se fose tan doado, alguén a atoparía xa hai tempo).
As pensións en España
Antes de comezarmos a tratar o tema, debemos contar como funciona o sistema de pensións en España. Non todos os países teñen un sistema coma o noso, así que a súa análise pode non ser igual.