Breve historia do metro (XIV): Epílogo

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 16 de novembro de 2015 Breve historia del metro (epílogo), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (XIII): A herdanza da expedición.]

Crystal Palace

Ao longo do século xix, o feito de que a misión do meridiano obtivera medicións contraditorias deveu en coñecemento xeral entre os astrónomos. De feito, a falla de exactitude do metro de platino non tiña que ver estritamente con estes erros, senón coa suposición errada dos científicos franceses de que a lonxitude do meridiano triangulado podería servir para derivar a lonxitude completa do dito meridiano.

O sistema métrico tornou a Francia cando o país volveu á valoración positiva da súa revolución. Isto ocorreu na Revolución de 1830, que depuxo os Borbóns e colocou a Luís Filipe de Orleáns á fronte do Estado. En 1837, o sistema métrico volveu ser impulsado, sobre todo, por Charles-Émile de Laplace e mais Claude-Louis Mathieu, isto é, o sucesor de Delambre, que xa era deputado daquela. A Asemblea votou a implantación do sistema en toda Francia a partir do 1 de xaneiro de 1840. Aquela medida foi moito máis racional ca a que tomaran décadas atrás. Agora si se fixeran as cousas ben, pois, tras moitos anos nos que o sistema decimal se ensinara nas escolas, podía garantirse unha entrada en vigor menos traumática, se ben non exenta de resistencia e mesmo de violencia. De todos os xeitos, en 1840 o sistema métrico levaba dúas décadas sendo obrigatorio nos Países Baixos, en Bélxica e no Luxemburgo.

O paso francés influíu noutros países. O Piemonte e Sardeña implantárono en 1850. En Portugal tamén o implantaron, se ben sufrindo varios adiamentos. Entre 1848 e 1863, a meirande parte dos novos estados independentes da América Latina adoptárono. En 1863, o acordo postal internacional asinado en París botaba man do gramo para establecer o seu réxime de pesos.

En 1851, na Grande Exposición do Crystal Palace, o sistema métrico foi o gran protagonista. Na dita exposición triunfaron os estándares enviados desde París, á vez que os organizadores dalgunhas competicións se declararon incapaces de outorgar os premios por mor da variedade de medidas nas que se elaboraran os proxectos candidatos. Na Exposición Universal de París de 1867 creouse un gran posto específico sobre a historia das unidades de medida, que culminaba no sistema métrico. En 1863 o Parlamento do Reino Unido resolveu aprobar o sistema métrico en todo o imperio, e en 1866 o Congreso dos Estados Unidos declarou a legalidade (que non a obrigatoriedade) do sistema. En 1868 o Zollverein alemán anunciou a adopción destas medidas para 1872.

En 1867 Prusia, a outra gran potencia continental, toma a decisión de achegarse ao sistema decimal e xorde a discusión de fondo provocada pola diverxencia experimentada na misión do meridiano: realmente era o metro unha medida natural, ou unha simple barra de platino que medía o que medía como podería medir outra cousa? Esta foi a gran cuestión da primeira Conferencia Xeodésica Internacional celebrada en Berlín naquel ano. Nas décadas anteriores, todos os países europeos triangularan o seu propio territorio, axustando as medidas á curva elipsoide que mellor se adaptaba ás circunstancias do seu anaco do planeta. Dalgún xeito, pois, era coma se cada mapa se fixese nunha Terra diferente. Coroando a potente vaga de globalización que é o século xix, agora todos estes xeodésicos estaban dispostos a compartir os seus mapas para compor un só; pero para iso precisaban un estándar.

Os alemáns propuxeron empregar o método dos mínimos cadrados (entre outras cousas porque estaban convencidos de que se debía a Gauss) para atopar a forma de aliñar de xeito óptimo os triángulos de cada país. A súa idea era centralizar este labor na Comisión Xeodésica Centroeuropea (Mitteleuropäische Gradmessungskommission), creada en 1861 polo tenente xeneral Jacob Baeyer. Secasí, cando a proposta reverteu fóra da órbita prusiana, os franceses non reaccionaron con entusiasmo precisamente. París, de feito, non enviou delegados á convención berlinesa.

A comisión, malia todo, tomou unha decisión que segue vixente hoxe en día. Unha decisión pragmática segundo a cal o metro debía seguir a ser o estándar de lonxitude, pero non porque representase a dezmillonésima parte da lonxitude do meridiano, senón simplemente porque estaba amplamente aceptado. Iso si: curaron o seu degoxo pola precisión científica acordando que os defectos da barra de platino debían resolverse facendo unha nova. Nos trinta ou corenta anos anteriores, diversos estudos científicos amosaran que a barra de platino, en realidade, tiña eivas e era máis sensible á temperatura do que se crera ao principio, polo que probablemente a súa lonxitude cambiara. A comisión quería que a nova barra se axustase o máis posible á vella, pero que ao mesmo tempo fose elaborada por unha axencia internacional para evitar que puidese considerarse obra dun só país.

Francia non tomou ben estes proxectos. E é lóxico. Digan o que digan as declaracións oficiais, o certo é que o metro de platino era un metro francés. A ninguén lle gusta que lle quiten un monopolio e, de feito, non faltaron as voces en Francia que clamaron por unha escisión entre a vella medida e a nova. Finalmente, porén, impúxose a racionalidade dos científicos (e dos políticos, pois estes, na segunda metade do século xix, xa sabían abondo sobre relacións comerciais internacionais e iso que hoxe chamamos globalización como para entenderen que non podían ir por aí adiante xiringando con estándares nacionais). Unha vez tomada a decisión, con esa lendaria habilidade para se poren á fronte da manifestación que negaran dous minutos antes, os franceses conseguiron que a conferencia internacional se convocase en París.

Emporiso, houbo un problemiña. En xullo de 1870, dúas semanas antes de comezar a conferencia, Francia e Prusia entraron en guerra. Isto provocou que os científicos alemáns non asistisen á conferencia, pero esta abriuse o 8 de agosto con representantes de quince países.

Os científicos puxéronse de acordo en que non debían acadar ningunha solución final ata que todos estivesen alí. Non obstante, comezaron a discutir a principal cuestión, exposta polos franceses, de se pretendían que o metro se basease realmente na lonxitude da Terra. Un dos principais xeodésicos europeos do momento, o suízo (nado alemán) Adolphe Hirsch, sacounos do seu erro afirmando que ningún científico serio avogaría por basear o metro na lonxitude do meridiano e que o obxectivo, polo tanto, era que se asemellase ao vello o máis posible.

Así quedaron as cousas porque non podían avanzar máis. En 1872, cando Francia perdeu a guerra e deixou de ser unha monarquía, París convocou unha nova convención á que acudiron científicos de trinta países, alemáns incluídos. Foi alí onde se decidiu que a nova barra sería un 90 % platino e un 10 % iridio. Cada país faría un estándar e de todos eles escolleríase o mellor. E crearon unha oficina internacional para supervisar todo o proceso.

Coas cousas neste estado, a Convención do Metro de 1875 fica como o feito que goberna as nosas vidas, medicionalmente falando. A cousa tomaría quince anos de discusións científicas ata que, en 1889, as barras foron enviadas a París. Unha destas barras, finalmente, substituíu a vella barra de platino confeccionada cos cálculos de Jean-Baptiste Delambre e Pierre François Méchain, pero a primeira barra non desapareceu, senón que os franceses a gardaron no seu Arquivo Nacional.

Como predixera Hirsch e confirmaron os feitos, o metro de Delambre–Méchain non morreu. O vello soño ilustrado de crear unha unidade de medida baseada na natureza non foi posible porque os dous astrónomos non foron quen a determinar esa medida con precisión. Pero a medida resultante dos seus cálculos e dos da comisión internacional prevaleceu, e todo semella indicar que prevalecerá para sempre. Prevaleceu en 1960, cando a Oficina Internacional decidiu redefinir o metro a partir da lonxitude de onda da luz emitida por unha transición enerxética específica do átomo de cripton-86. E prevaleceu en 1983 cando, de novo, se cambiou a definición pola distancia percorrida pola luz no baleiro en 1/299 792 458 segundos. En ambos os casos, os científicos fixeron o camiño oposto aos ilustrados do século xviii: no canto de buscaren o metro na natureza, buscaron a natureza no metro tal como o definira a expedición do meridiano.

Unha expedición que lle habería custar a un dos seus dous protagonistas, por mor da súa arela de perfección, a tranquilidade de ánimo, a ledicia, a capacidade de gozar. A vida mesma, á fin e ao cabo.

Descanse Pierre François André Méchain na paz que non soubo atopar en vida.

[O seguinte artigo da serie é Breve historia do metro (XV): O sistema métrico en España.]


Este artigo e mais a súa tradución están publicados baixo licenza CC BY-NC-ND 3.0.

Deixar un comentario