Breve historia do metro (XV): O sistema métrico en España

[Esta é unha tradución adaptada da segunda sección do artigo orixinal de 16 de novembro de 2015 Breve historia del metro (epílogo), de Juan de Juan, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Breve historia do metro (XIV): Epílogo.]

Madrid en 1838

Como coda de todo este relato, quédanos unha pregunta por responder: e España? Tentaremos contar algunhas cousas nas próximas liñas.

A Academia Francesa, durante o proceso de desenvolvemento do metro, propuxera dous sistemas diferentes para denominar as súas divisións e múltiplos: ben un sistema de nomes compostos, ben outro baseado en chamar cada subdivisión cun monosílabo independente (algo semellante ás notas musicais, logo).

Como xa contamos, a Academia decantouse polo neoloxismo mètre, concretamente na súa sesión do 26 de marzo de 1791. Entre un sistema metódico para as subdivisións e outro baseado en monosílabos, a Academia decidiuse claramente polo primeiro, así que o 1 de agosto de 1793 incluíu a proposta metódica no seu informe para a Asemblea. Porén, por mor de diversas dificultades esta nomenclatura non se aplicou ata o 7 de abril de 1795, se ben un decreto de 4 de novembro de 1800 aínda permitía empregar as denominacións antigas.

Sirvan estas palabras como antecedente da situación na que se atopaba España cando adoptou o sistema métrico. Á hora de aplicar en castelán o novo sistema, podía optar por desenvolver os seus propios prefixos e nomes, podía aproveitar as denominacións vellas ou podía aproveitar o sistema metódico desenvolvido polos franceses.

Nesta polémica refulxe de xeito salientable a figura de Gabriel Ciscar, mariño e astrónomo igual ca Borda, que foi un dos sabios españois que participou na discusión do sistema métrico a escala internacional. De feito, estivo na reunión de París de 1798 e de alí trouxo cinco estándares de medida, obsesionado con substituír os modelos existentes por estes tan pronto como fose posible. Naquela España existían (e empregábanse) diferentes padróns. En Burgos e Toledo conservábanse padróns da vara castelá, mentres en Ávila había padróns de capacidade e o Consello de Castela tíñaos de peso, todos eles das medidas antigas, por suposto.

Na Memoria elemental sobre los nuevos pesos y medidas decimales que elaborou Ciscar en 1800 hai todo un capítulo dedicado ao tema que sería máis importante na implantación das medidas en España. Porque a España xa non lle tocaba discutir a lonxitude do metro, que era cuestión de todo o que xa dixemos noutras entradas, senón a formulación das súas subdivisións.

Ciscar era un decidido partidario de non lles outorgar ás ditas subdivisións nomes arbitrarios e sen significado, e polo tanto defendía adaptar ao castelán o método francés. Facíao apostando claramente polas linguas modernas, considerándoas máis axeitadas para conseguir unha aprendizaxe masiva. É por iso que rexeita o uso do grego na formación destas palabras. Deste xeito, o mariño desenvolve unha nomenclatura absolutamente propia ou española, na que atopamos exemplos como:

  • Vara decimal ou medidera para designar o metro.
  • Milla decimal ou millar para designar o quilómetro.
  • Céntima e mílima para o centímetro e o milímetro.
  • Unera, celeminillo ou azumbre decimal (azume decimal) para o litro.
  • Unal ou libra decimal para o quilogramo.

Ciscar procuraba, coa súa proposta, facer as cousas o máis fáciles posible, pois como comenta na súa Memoria, as das unidades menores son as que xa se empregan e por iso non poden confundirse cos quebrados decimais indeterminados (isto é: décimo, centésimo…). Denominar as divisións de capacidade decimillas, centimillas, milesimillas, etc. verdadeiramente non era máis que achegarse á forma en que cubeiros e comerciantes se referían a elas (falando, por exemplo, de cuartillos). Do mesmo xeito, as unidades menores de peso facíaas rematar en -avo, pois ese era o sufixo habitualmente utilizado.

Secasí, cando en 1821 Ciscar volve redactar unha obra en defensa do sistema métrico, farao xa abandonando esta proposta de crear nomes propios e decantarase pola mera tradución dos términos franceses.

Ese mesmo ano, a requirimento das Cortes, o científico Salvador Ros i Renart presenta a súa propia memoria verbo da introdución dun novo sistema de pesos e medidas. No seu traballo, Ros súmase aos argumentos tanto dos franceses como de Ciscar sobre que un só sistema unificado é bo para os intercambios comerciais e relativamente doado de ensinar. Pero, nun signo dos tempos, engade un matiz moi «francés»: argúe que un novo sistema simbolizaría a evolución de España no senso de rexeitar a tiranía representada polas vellas medidas. Así mesmo, Ros recorre a un argumento bastante esquecido hoxe: o esforzo realizado polos españois na definición do metro, nas persoas do propio Ciscar e do matemático Agustín de Pedrayes y Foyo; esforzo que, dicía Ros, se realizara sen beneficio ningún para a nación.

O exacerbado nacionalismo de Ros i Renart, secasí, tamén o leva a engadir confusión no tema da nomenclatura, pois que lle fai propor outra «que, sendo española, poida competir coa derivada do grego e do latín do sistema métrico decimal establecido en Francia». Este erro lévao a propor términos antigos para as novas medidas. Así, propuña os termos: vara para a lonxitude, copa para a capacidade, libra para o peso, vara cuadrada para a superficie, vara cúbica para o volume e legua para o que chamou «itineraria». A todos estes termos engadiríanselles múltiplos como diez-, cien-, mil- ou diezmil- ou divisores como deci-, centi- ou mili-. Falaríase, por exemplo, de diezmilvara (escrito DM.Va para abreviar) para designar os 10 000 metros, centilibra (c.Li), milicopa (m.Co), etc.

En 1835 José Radón, veterano científico, realiza a súa propia achega ao problema tentando crear un sistema métrico xenuinamente español. Toma como medida fundamental a vara castelá de Burgos. Emporiso, dado que o modelo existente xa está moi estragado (algo que xa apuntara Ciscar trinta anos antes), tenta facela coincidir co metro, outorgándolle un valor de 84 centímetros; ou ben, como alternativa, propón definila mediante o experimento pendular que, como xa vimos, os franceses acabaron rexeitando. Con estas medidas deseña, por exemplo, unha medida de volume, a vara cúbica, cuxa milésima subdivisión sería máis ou menos o cuartillo que xa se empregaba, pero propón cambiarlle o nome polo dunha vella medida latina: o modio. A medida do peso sería a vara cúbica de auga, cuxa millonésima parte se chamaría pondo; así pois, toma como medida principal o kilo-pondo, isto é, mil pondos. Mesmo propuña reformar o sistema monetario creando o numo, equivalente a cinco pondos.

Cómpre destacar, en calquera caso, que o sistema métrico tamén tivo os seus detractores en España. Talvez o máis salientable deles sexa o ilustre matemático galego, coñecido por todos os estudantes que empregaron táboas de logaritmos, Vicente Vázquez Queipo. Queipo vivira en París pero, malia todo, sostiña unha posición radicalmente nacionalista que o levaba a rexeitar o sistema métrico. En 1835 o goberno encargoulle unha proposta de reforma do sistema de pesos e medidas. Coa súa natural capacidade para o estudo, Vázquez Queipo realizou unha investigación exhaustiva dos sistemas de pesos e medidas antigos, chegando á conclusión de que os españois tiñan orixe árabe, e as medidas árabes tíñana na Antigüidade, e estas na observación. Isto levouno a defender un cambio no que as medidas oficiais sufrisen o menor cambio posible, nuns termos que nada tiñan que ver co sistema métrico.

Tras todos estes anos de debates teóricos, o 19 de xullo de 1849 Isabel II estampaba a súa sinatura na lei que establecía o sistema métrico. Unha orde do 20 de xullo crea unha comisión específica que organice o proceso todo, coordinando unha serie de comisións provinciais que velarían por que nos concellos se gardasen os modelos existentes. A lei de pesos e medidas introduce a nomenclatura francesa meramente traducida con escasas excepcións, como o quintal ou a tonelada. Tanto os múltiplos como os submúltiplos escríbense esdrúxulos.

A lei establecía que as táboas de equivalencias debían estar en todas as capitais de provincia en 1851 e as novas medidas en 1852, amais de introducirse o seu ensino nas escolas. Desde o 1 de xaneiro de 1852 o sistema sería obrigatorio en todas as dependencias do Estado. Secasí, a aplicación real foi adiándose, e de feito as medidas previstas na lei soamente se conseguiron o 1 de xullo de 1869, con diversos problemas que abranguen todo o século.

A fixación definitiva das denominacións do sistema métrico data de 1899, por parte de quen tiña de facela: a Real Academia da Lingua. Baseouse nunha serie de elementos que son:

  • Aceptouse a acentuación esdrúxula, pois que o grego métron tiña un e breve que, polo tanto, perdía a súa forza nas palabras compostas. Iso si: admitíronse algunhas excepcións como kilolitro (quilolitro) ou decagramo, contra o que se dicía e escribía daquela.
  • Abandonouse o termo miriagramo, adoptando finalmente «quintal» e «tonelada», así como mirialitro.
  • Declaráronse non normativos algúns termos que foran empregados por algúns autores, tales como grama por gramo, kiloi por quilo, etc.
  • Elimináronse algúns termos como héctara, substituído por «hectárea».
  • Fixouse a acentuación e escritura definitiva de estéreo, eliminando a relativamente común esterio.
  • Permitiuse escribir quilo e kilo.

Case un século máis tarde, o 27 de outubro de 1989, España integrábase no sistema europeo de medidas.

Todo un camiño, polo que se ve.


Este artigo e mais a súa tradución están publicados baixo licenza CC BY-NC-ND 3.0.

Deixar un comentario