Pozos de coñecemento: o problema da profundidade

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 2 de marzo de 2017 Pozos de conocimiento: el problema de la profundidad, de Pepe Cervera, que pode lerse nesta ligazón.]

Pozo

Hai un proverbio con moitas atribucións que di que un especialista é alguén que cada vez sabe máis sobre cada vez menos ata que o sabe todo sobre nada. E isto é un problema, como dixo o científico e inventor Nikola Tesla: «Hoxe os científicos pensan con profundidade no canto de claridade. Un ten de estar cordo para pensar con claridade, pero pódese pensar con profundidade e estar bastante tolo». Desde a invención da escritura que tanto preocupara a Platón e, especialmente, desde a descuberta da lectura en silencio por santo Ambrosio a cultura occidental confundiu o coñecemento coa profundidade, facéndoos sinónimos. É así como se desenvolveron unhas ciencias nas cales a especialización en nichos cada vez máis estreitos coñecidos con cada vez maior detalle se converteu na norma. O único xeito de avanzar é profundizar; a carreira profesional e a achega dun científico soamente son posibles cando este escava empurrando os límites do coñecemento uns milímetros máis alá de onde estaban.

E así construímos silos de saber de inconcibible profundidade, empregando extensivamente a coitela separadora como única ferramenta: desmontamos a natureza nas súas partes constituíntes e, conforme os coñecementos sobre cada parte ían aumentando e volvíase imposible que unha única persoa os tivese na súa cabeza, as ciencias foron separándose e especializándose cada vez máis. Dos filósofos naturais do século xviii que facían contribucións en matemáticas, astronomía, física, arquitectura, medicina e química pasamos aos científicos actuais que traballan resolvendo un enigma dentro dunha subdisciplina dentro dunha especialidade que é só unha parte dun amplo eido de coñecemento. Ás veces empregan ferramentas de corte titánicas como aceleradores de partículas, microscopios confocais, tomógrafos de radiación de sincrotrón ou telescopios en órbita terrestre, pero na súa caixa de ferramentas mental traballan do mesmo xeito: separando a realidade en anaquiños e estudando cada un deles en profundidade.

Non pode dubidarse que este enfoque forneceu a humanidade dun enorme caudal de coñecemento, tanto que a idea do científico universal capaz de coñecer todos os eidos tanto como para poder facer achegas en todos eles é hoxe pouco realista. Está claro que a profundidade foi rendible e que nos permitiu coñecer o Universo como nunca antes. Pero tamén é certo que o profundo ten os seus inconvenientes e que tres longos séculos de especialización crecente leváronnos a unha situación case límite. Aínda por riba o método de coñecemento baseado en fragmentar para saber fracasa cando a chave do funcionamento dun recuncho do cosmos é a integración de sistemas.

As especialidades científicas fixéronse tan fondas, separadas e illadas que un profesional pode pasar toda a súa carreira, desde o principio da súa formación ata o cumio do seu desenvolvemento profesional, dentro dun mínimo sector de coñecemento sen necesidade de ollar o máis mínimo fóra del. Os campos de estudo convértense en silos de coñecemento illados entre si nos que establecer relacións entre enfoques ou disciplinas é case imposible. Cada silo desenvolve a súa propia metodoloxía e mesmo a súa propia xerga; a separación é tan completa que ás veces os científicos teñen dificultades para explicarlles o seu traballo aos científicos do laboratorio de diante. As posibles conexións entre disciplinas que estudan os mesmos fenómenos desde diferentes puntos de vista fanse así case imposibles, de xeito que resulta difícil comprender sistemas complexos. O método de cortar filetes cada vez máis estreitos de realidade fracasa á hora de explicar o funcionamento dun sistema ou organismo en conxunto.

O feito de que nos últimos anos proliferasen as iniciativas interdisciplinarias é un recoñecemento desta realidade: o illamento entre as diferentes especialidades da ciencia contribúe a dificultar o avance do coñecemento e é preciso crebar as paredes dos silos para que o saber se mesture e enriqueza. Pero non abonda con contemplar a interdisciplinariedade na avaliación de proxectos ou con crear institutos interdisciplinarios se, no momento de publicar ou avaliar o desempeño dun profesional, non se teñen en conta estes factores. As revistas seguen sendo especializadas, as publicacións seguen sendo incomprensibles agás para os especialistas e os traballos que tentan establecer pontes entre diversas disciplinas non son premiados, senón castigados na práctica. Os profesionais que se desvían da estrita disciplina do abisal atopan dificultades na súa carreira, e prémiase a dedicación á máxima profundidade por cega e estéril que poida resultar. E, como resultado desta obsesión pola profundidade, o coñecemento da humanidade sobre o Universo sofre.


Sobre o autor: Jose Cervera (@Retiario) é xornalista, biólogo e profesor de Tecnoloxía Multimedia na Universidade Rei Xoán Carlos (Universidad Rey Juan Carlos). Mantén o blog Retiario en rtve.

Deixar un comentario