Galileo vs. Igrexa Católica redux (III): Observacións

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 10 de setembro de 2013 Galileo vs. Iglesia Católica redux (III): Observaciones, de César Tomé López, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Galileo vs. Igrexa Católica redux (II): Perspectivas.]

Manchas solares
Aristóteles enganouse. Imaxe do Sol con luz branca. [Fonte]
Na imaxe de Jean-Léon Huens que aparecía na primeira anotación desta serie podiamos ver a Galileo tentando «convencer os escépticos eclesiásticos de que na Lúa hai montañas e de que o planeta Xúpiter ten varias lúas de seu». Estes só son dous dos descubrimentos que Galileo realizou co telescopio. Nesta anotación veremos moi brevemente a maioría deles, analizando a súa potencial influencia posterior no debate, e na vindeira analizaremos con máis detalle o máis importante de todos para apoiar unha visión heliocéntrica do sistema solar.

Hai montañas na Lúa…

Galileo foi un dos primeiros que apuntou cun telescopio cara á superficie lunar, observou as súas características e as describiu. Esta descrición incluía montañas, chairas e o que hoxe coñecemos como cráteres. Cos ollos nus un tamén pode velos, e outros antes de Galileo especularan sobre se había montañas na Lúa, pero só co telescopio podían describirse cun certo detalle.

Como é evidente, o feito de que haxa montañas na Lúa non di nada sobre se a Terra se move ou está quieta. Este é un dato que aparecerá no debate porque provocaría un reaxuste na visión aristotélica do Universo. Reaxuste, que non ruptura; vexámolo.

Para Aristóteles os obxectos celestes (a Lúa e alén) están feitos de éter e só de éter, o que implicaba a perfección dos seus movementos e formas, ambos perfectamente circulares. Se hai montañas na Lúa, a perfección aristotélica rompe. Pero, grazas a unha pequena sutileza, esta obxección ao modelo pode salvarse facilmente: como a Lúa está na fronteira entre as rexións supralunares (perfectas) e as sublunares (imperfectas), só teño de considerar que a Lúa é parte destas e que marca o límite das rexións sublunares que agora incluirían a Lúa.

Con este subterfuxio, o sistema de crenzas imperante mantense basicamente inalterado, pero as montañas na Lúa amosan que o sistema debe ser alterado aínda que sexa nunha cuestión menor.

Ademais as montañas na Lúa supón unha invitación a mudar de mentalidade para os físicos. A principios do século xvii non se coñecía a lei da inercia (Galileo avanzaría na súa determinación; Newton daríalle a súa forma definitiva), polo que se supuña, seguindo a Aristóteles, que unha forza tiña de actuar continuamente sobre un corpo para que este seguise movéndose. Levando esta idea ás súas últimas consecuencias, a principios do século xvii víase a necesidade da existencia dunha forza continua como un argumento en contra do movemento dunha rocha xigantesca coma a Terra: non había nada capaz de movela. Pero co telescopio se ve que a Lúa é tamén unha enorme rocha, e móvese. Daquela, se unha rocha coma a Lúa se move continuamente, por que non a Terra?

…o Sol ten manchas…

Galileo non mirou o Sol directamente a través do seu telescopio. O que fixo para observalo foi proxectar a imaxe que lle proporcionaba o telescopio apuntando cara ao Sol nunha folla de papel, salvando dese xeito as súas retinas. Foi, desta maneira, un dos primeiros en describir unhas manchas que aparecían na superficie do Sol. O que si fixo el só foi argumentar convincentemente que estas manchas estaban na superficie do Sol mesmo e que non eran imaxes de planetas ou calquera outro obxecto na liña de visión.

Igual ca as montañas lunares, esta observación non di nada no debate heliocentrismo-xeocentrismo. Pero agora xa non nos serve o noso subterfuxio anterior: o Sol está claramente nunha rexión supralunar. Polo tanto, consonte esta observación, as rexións supralunares non poden ser as da perfección absoluta e inmutable da que falaba Aristóteles. Estas simples manchas si supón unha rotura da cosmovisión aristotélica.

…Saturno, orellas…

Coas mesmas consecuencias ca as súas observacións da Lúa e o Sol para a forma da que os humanos presupuñan que era o Universo desde había máis de 2000 anos, Galileo observou que o planeta Saturno tiña unha sorte de asas ou orellas. Agora sabemos que estaba a referirse aos aneis que rodean o planeta (precisaríanse 50 anos máis para ter suficiente resolución nos telescopios como para que se puidese lanzar a hipótese de que eran aneis).

…e Xúpiter, lúas

Apuntando o seu telescopio cara a Xúpiter, Galileo fixo un dos descubrimentos que máis o impactaron. Observou catro pequenos puntos de luz que, tras de observacións coidadosas e reiteradas, puido constatar que mudaban a súa posición co tempo. Galileo razoou, correctamente, que debían de tratarse de lúas orbitando Xúpiter.

Este descubrimento tampouco casaba coa visión herdada de Aristóteles, pero nun aspecto completamente distinto dos anteriores. Como deixou de manifesto graficamente Tolomeo, a Terra era o único centro de rotación do Universo, e resulta que Xúpiter, ao menos, tamén é un centro de rotación. Ou o que é o mesmo: un principio fundamental, a unicidade da Terra como centro de rotación, é falso.

Incidentalmente, este descubrimento tivo un efecto nos que defendían «argumentos estéticos» a favor do xeocentrismo, do tipo «é moi pouco elegante que a Lúa xire arredor da Terra e que esta o faga arredor do Sol». O descubrimento de Galileo acabaría con este argumento de raíz: existía, ao menos, un obxecto que todo o mundo vía que se movía e que todo o mundo podía ver que tiña outros obxectos que xiraban arredor del.

Vemos, pois, que estes descubrimentos supón a necesidade dunha reforma dos sistemas empregados ata entón para describir o Universo e un claro reto aos sistemas xerais de Aristóteles e Tolomeo. Nada que non se puidese arranxar cun sistema coma o de Tycho, por certo, que mantén o xeocentrismo.

O cadro de Huens, así pois, erra no básico: non é preciso convencer, vese (calquera pode facelo, mesmo os eclesiásticos) que existen montañas e satélites xupiterianos. Seguiremos con isto máis adiante na serie. Na próxima anotación veremos cal é o descubrimento que supuxo o verdadeiro reto ao xeocentrismo.


Sobre o autor: César Tomé López (@EDocet) é divulgador científico e editor xefe de Mapping Ignorance.

Deixar un comentario