Galileo vs. Igrexa Católica redux (IV): Venus

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 17 de setembro de 2013 Galileo vs. Iglesia Católica redux (IV): Venus, de César Tomé López, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Galileo vs. Igrexa Católica redux (III): Observacións.]

Todos estamos familiarizados co feito de que a Lúa ten fases. O que quizais non sexa tan coñecido é que o planeta Venus, observado desde a superficie terrestre, tamén as ten. Venus, a simple vista, sempre aparece próximo ao Sol e é visible ao atardecer e ao amencer como un punto de luz brillante preto do horizonte. Ata que Galileo informou da existencia de fases en Venus tras observalo co telescopio, Venus aparecía tan só como un punto de luz errante, un planeta máis. A existencia de fases en Venus, algo que podía comprobar por si mesmo calquera que dispuxese dun telescopio, supuxo o principal reto ao realismo da visión tolemaica do Universo. Porén, aínda que supuxese un reto (case insuperable) para Tolomeo, non foi o golpe definitivo ao xeocentrismo que moitos queren ver.

A comprensión do fenómeno é fundamental para podermos considerar as posteriores discusións entre Galileo e a Igrexa católica adecuadamente, polo que dedicaremos esta anotación a tentar explicalo. Introduciremos tamén, moi brevemente, un concepto que incomoda moitos científicos e ao que lle dedicaremos unha anotación específica máis adiante: a tese de Duhem–Quine.

venus-july-2010-january-2012

Venus, como pode apreciarse na imaxe, non só ten fases: tamén varía o seu tamaño aparente dependendo da fase na que se atope. Para apreciarmos a importancia deste dato, fixémonos primeiro en algo moito máis coñecido, as fases da Lúa, e logo iremos a Venus.

As fases da Lúa son unha consecuencia das posicións relativas do Sol, a Lúa e mais a Terra. En calquera momento dado, a metade da Lúa estará iluminada polo Sol e a outra metade estará ás escuras. Cando a Lúa e a Terra están colocadas de xeito que vemos completamente o lado iluminado, temos a fase chamada lúa chea. Cando só vemos media cara iluminada temos o que chamamos un cuarto, e se soamente vemos unha porción temos un crecente. Na seguinte imaxe podemos ver as diferentes posicións relativas da Lúa, a Terra e o Sol durante os 27 días que dura, aproximadamente, a órbita lunar.

fases-da-lua

Polo si ou polo non, lembrámosche que a imaxe non está a escala. Observándoa, poderiamos ter a impresión de que algunhas fases non son máis ca eclipses, é dicir, que a Lúa se interpón entre o Sol e a Terra ou que a Lúa entra na sombra que esta proxecta. Isto débese a que necesitamos que a imaxe colla nesta páxina, que sexa apreciable a simple vista e que todo se poida expresar nas dúas dimensións da pantalla. En realidade, como o Sol é enormemente grande en comparación, a Lúa e a Terra están lonxe dabondo e a órbita da Lúa está «inclinada», a Lúa só entra na sombra da Terra de cando en vez (e por iso os eclipses de Lúa son relativamente raros, no canto de ocorrer unha vez cada revolución da Lúa arredor da Terra).

fases_venus
Sistema de Tolomeo.

É dicir, o descubrimento das fases de Venus por Galileo é unha proba en contra do sistema tolemaico (alguén dirá que o refuta, pero a refutabilidade non é unha propiedade das teorías). Pero, visto doutro xeito, as observacións de Galileo son unha proba confirmatoria do sistema heliocéntrico. Iso si, quizais conveña lembrar que confirmacións e desconfirmacións, por moi empíricas que sexan, teñen as súas limitacións, antes de vermos como as observacións de Galileo apoian a teoría heliocéntrica, explicando non só as fases, senón a variación do tamaño aparente asociado.

fases_venus2
Sistema heliocéntrico.

Pero (e este é un pero importante), por moito que as observacións de Galileo parezan confirmar un sistema heliocéntrico, o certo é que non abondan para atallar a cuestión. Por exemplo, nun sistema xeocéntrico coma o de Tycho, no cal a Lúa e o Sol orbitan a Terra pero os planetas orbitan o Sol, Venus tamén presenta fases e é máis pequeno cando está na fase chea e veríase meirande cando está como crecente. Mesmo unha modificación do sistema tolemaico podería explicar o fenómeno (bastaría con que Venus orbitase o Sol e todo o demais se mantivese igual, orbitando arredor dunha Terra estática).

1000px-tychonian_system-svg_
Sistema de Tycho.

Dito doutro xeito, as observacións de Galileo confirman tanto un sistema heliocéntrico como un de Tolomeo modificado ou o sistema de Tycho. Desde un punto de vista estritamente técnico, cos coñecementos existentes a principios do xvii, a opción de Galileo por un sistema heliocéntrico era instintiva, mesmo estética, pero non estritamente racional. Lembremos que o sistema de Copérnico non eliminaba o uso dos epiciclos (véxase Perspectivas) e, aínda que facilitaba os cálculos, seguía sendo moi complexo.

Esta é unha ilustración magnífica dunha parte da tese de Duhem–Quine (a subdeterminación das teorías científicas): en ciencia, é típico que novas probas, mesmo novas probas espectaculares coma a existencia das fases de Venus, sexan compatibles con, ao menos, dúas hipóteses existentes; o que é o mesmo, as probas dispoñibles non determinan univocamente que teoría en concreto é a correcta.

Agora xa temos a información necesaria para abordarmos como se recibiron estas observacións de Galileo pola autoridade recoñecida na Italia daquela época: a Igrexa católica.

[O seguinte artigo da serie é Galileo vs. Igrexa Católica redux (V): Reconvención.]


Sobre o autor: César Tomé López (@EDocet) é divulgador científico e editor xefe de Mapping Ignorance.

Deixar un comentario