Galileo vs. Igrexa Católica redux (VI): Visións

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 1 de outubro de 2013 Galileo vs. Iglesia Católica redux (VI): Visiones, de César Tomé López, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Galileo vs. Igrexa Católica redux (V): Reconvención.]

saint_robert_bellarmine

Con todo o que xa exploramos nesta serie podemos ver que o debate entre Galileo e a Igrexa católica, no que atangue á filosofía da ciencia (e non á socioloxía), se reduce a dúas cuestións. A primeira é se Belarmino estaba a tratar realmente a visión xeocéntrica como non falseable; talvez conveña lembrar que a falseabilidade non é unha característica intrínseca das hipóteses, senón a actitude coa que se tratan as ditas hipóteses. A segunda, intimamente relacionada coa primeira, é que, mesmo recoñecendo ambas as partes a existencia e validez das mesmas probas (Escrituras e observacións), a discusión se reduce a decidir que probas pesan máis; lembremos tamén que non se deduce necesariamente, de ningunha das observacións de Galileo, a certeza da visión heliocéntrica. Ambas as cuestións ilustran problemas recorrentes no desenvolvemento da ciencia, de aí o interese en reflexionarmos sobre elas.

Vexamos, cun pouco máis de profundidade, os puntos de vista de Galileo e Belarmino.

Conforme se desenvolvía a discusión, tanto Galileo como Belarmino acabaron expresando os seus puntos de vista por escrito. Quizais onde mellor se recolle o de Belarmino sexa na súa carta a Foscarini de 1615. O de Galileo aparece en partes dun texto máis longo coñecido como carta á gran duquesa Cristina, tamén de 1615 (esta Cristina, por certo, era un membro prominente da familia Medici e a Galileo convíñalle especialmente que estivese convencida de que os seus puntos de vista non eran heréticos).

Na carta á gran duquesa Cristina, Galileo deixa claro para comezar que el cre que cada palabra da Biblia é correcta. Pero a Biblia, matiza, escribiuse para todo o mundo, incluíndo aqueles que viviron en tempos anteriores e, polo tanto, menos avanzados e aqueles pouco ou nada instruídos. Por isto a Biblia escribiuse de tal xeito que, a miúdo, é difícil determinar o seu verdadeiro sentido. Polo tanto, argumenta Galileo, se estamos a tratar cuestións empíricas (científicas, diriamos hoxe) para as cales podemos obter observacións e probas empíricas, non teriamos de empregar nunca a Biblia para xulgar estas cuestións. Porque, en primeiro lugar, ese tipo de cuestións (como a de se o Sol se move arredor da Terra ou viceversa) non son relevantes para a salvación, é dicir, dá igual o que opines sobre a cuestión porque iso non vai afectar a túa salvación ou condenación persoais. E, en segundo lugar e adiantando o que sucedería despois reiteradamente, sería prexudicial para a Igrexa católica facer un pronunciamento sobre unha cuestión empírica, baseándose na súa interpretación do que di a Biblia, se despois novos feitos empíricos demostran que a Igrexa católica se enganou.

Belarmino, na carta a Foscarini, amosa o seu desacordo con Galileo en todos eses puntos; non tal, reiteramos, na veracidade das observacións. Belarmino comeza coa interpretabilidade dos textos bíblicos que se refiren á cuestión de fondo (se o Sol se move arredor da Terra ou viceversa), que semellan bastante claros e non suxeitos a posibles interpretacións. Non só iso, senón que Belarmino indica ademais que hai consenso entre todos os esexetas bíblicos de que isto é así, que o Sol se move arredor da terra. Polo tanto, contra o que afirma Galileo, que podería ter razón no que concirne a algunha outra pasaxe bíblica non relacionada, non se está precisamente ante un caso de difícil interpretación das Escrituras.

Belarmino tamén concede que, en xeral, os asuntos científicos non son relevantes para a salvación. Pero este non é o caso precisamente polo punto anterior: como as Escrituras non poden ter neste caso máis ca unha interpretación, rexeitar o que din neste punto é pór en dúbida a autoridade da Biblia no seu conxunto ou, o que é o mesmo, rexeitar a palabra de Deus. Polo tanto a discusión heliocentrismo-xeocentrismo é relevante para a salvación, segundo Belarmino.

Finalmente, e este é un dos aspectos máis interesantes desde o noso punto de vista, Belarmino, que á parte de teólogo tiña unha magnífica formación como astrónomo, deixa moi claro que, se puidese demostrarse que a Terra se move arredor do Sol, daquela habería que aceptar esa demostración. Pero, tendo en conta as razóns que dera antes máis a implícita de que Deus non se engana, Belarmino indica que el pensa que esa demostración nin se obterá nin poderá obterse. De todos os xeitos, Belarmino considera, ao menos, a posibilidade de que poida existir esa demostración e, no caso de que se atopase, os pais da Igrexa católica terían de discutir como é posible que se enganasen tanto na interpretación das Escrituras neste asunto.

Quedemos coa idea de que Galileo e Belarmino están de acordo en varias cuestións: ambos os dous aceptan os datos do telescopio e a autoridade das Escrituras e ambos os dous están de acordo en que as Escrituras suxiren que o Sol se move arredor da Terra e en que os datos do telescopio poderían suxerir que é ao revés. Porén, os seus desacordos ilustran problemas xerais na evolución das ideas científicas. Na vindeira anotación, que será a derradeira desta serie, repasarémolos e tiraremos algunhas conclusións.


Sobre o autor: César Tomé López (@EDocet) é divulgador científico e editor xefe de Mapping Ignorance.

Deixar un comentario