Galileo vs. Igrexa Católica redux (VII): Balanzas

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 8 de outubro de 2013 Galileo vs. Iglesia Católica redux (y VII): Balanzas, de César Tomé López, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Galileo vs. Igrexa Católica redux (VI): Visións.]

balanza

Antes de afrontarmos as conclusións da nosa exploración da interacción entre Galileo e a Igrexa católica, quizais sexa conveniente que repasemos algunhas ideas que fomos atopando nos capítulos anteriores da serie e que serán relevantes para o que segue.

En primeiro lugar, o tempo. En Antecedentes vimos como a Igrexa católica, no século xvii, tiña unha dilatada historia de tolerancia (tolerancia non significa aceptación) coas novas descubertas científicas. As de Galileo chegaron nun momento no cal a Igrexa era menos tolerante do que podería ser noutras circunstancias debido á Reforma protestante.

Posteriormente, comentamos en Perspectivas que, na época na que se produciron, os achados de Galileo non podían dar por resolta a cuestión entre o xeocentrismo e o heliocentrismo. Para ilustralo, en Observacións e Venus explicamos como as observacións de Galileo, aínda que supuñan un reto para Aristóteles e Tolomeo, seguían sendo compatibles cun sistema coma o de Tycho, ademais dun sistema heliocéntrico.

Seguidamente vimos a importancia que tiñan as consideracións instrumentais e realistas para ensinar o sistema de Copérnico en Reconvención.

Finalmente, en Visións, puidemos ver que Belarmino e Galileo coincidían na consideración dunha serie de probas como verdadeiras, entre elas as propias observacións de Galileo e mais as Escrituras.

O conflito queda reducido a unha cuestión de peso, da importancia que se lle atribúe a cada unha das probas. Galileo pensa que as Escrituras son indubidablemente correctas naquilo que fai referencia á salvación. Pero noutras cuestións, aquelas que non concirnen á salvación, non sería preciso tomalas como indiscutibles. E, xa que, segundo Galileo, o feito de que a Terra ou o Sol ocupen o centro do Universo non é unha cuestión relevante para a salvación, esta é unha das cuestións nas que as observacións co telescopio pesan máis ca o que digan as Escrituras.

Pola outra banda, a postura de Belarmino é que todos os aspectos das Escrituras son indubidablemente correctos. Podemos, iso si, segundo Belarmino, interpretar mal as Escrituras, pero nese caso é a nosa mala interpretación a que falla, non as Escrituras per se. Como é improbable que se interpreten mal as pasaxes que teñen que ver co movemento do Sol e cunha Terra estacionaria, desde o punto de vista de Belarmino (no contexto, non o esquezamos, dos puntos relevantes que repasamos máis arriba) as Escrituras prevalecen sobre a interpretación de Galileo das súas observacións co telescopio. Poderiamos chegar a afirmar que Belarmino se amosa disposto a abandonar a súa postura se lle ensinan probas suficientes, pero, como as observacións son compatibles cun sistema xeocéntrico (coma o de Tycho, por exemplo) que concorda coas Escrituras, non ve motivo para pensar que exista unha mala interpretación delas.

A situación é semellante á que se recolle no artigo Provisional y perfectible («Provisional e perfectible») cando se analiza o razoamento desconfirmatorio: o falseamento dunha teoría queda reducido a que probas se pensa que pesan máis. E a cuestión de que probas pesan máis queda reducida habitualmente á nosa cosmovisión.

Daquela, consideraba Belarmino (despois santo e doutor da Igrexa católica) a hipótese xeocéntrica como falseable? Se a postura de Belarmino se defendese hoxe (hai quen o fai), despois de 400 anos de ciencia empírica cun éxito extraordinario, entón poderiamos calificala de irracional e dicir que trata a teoría xeocéntrica como non falseable. Pero, no contexto dos principios do século xvii, non había razóns para pensar que unha aproximación empírica ao coñecemento do mundo tería o éxito que tivo despois; desde Platón sobreviviran e prosperaran durante case 2000 anos sen tela. Polo tanto, semella xusto dicir que non podemos saber, cos datos dispoñibles, se Belarmino trataba a teoría xeocéntrica como falseable ou non.


Sobre o autor: César Tomé López (@EDocet) é divulgador científico e editor xefe de Mapping Ignorance.

Deixar un comentario