[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 7 de outubro de 2015 Skepticism, a short uncertain story (7): The Vulgate wars, de Jesús Zamora Bonilla, que pode lerse nesta ligazón.]
[O artigo previo da serie é Unha breve e incerta historia do escepticismo (VI): A nai de todas as causas perdidas.]
Se seguiches esta serie de artigos ata agora, xa aprenderías algúns detalles sorprendentes sobre a historia do pensamento occidental. Por exemplo, o feito de que os escépticos da antigüidade consideraban que era a suspensión do xuízo (e non a busca da certeza) a que mellor podía levarnos á felicidade, mediante a virtude da imperturbabilidade: ataraxia. Tamén o feito de que o empirismo radical, aínda que hoxe adoita estar asociado ao idealismo (a concepción de que os «datos sensoriais» fabricados pola mente son o noso único acceso directo ao coñecemento), ata o comezo da Ilustración era considerado como a máis típica forma de materialismo, ou o feito de que o albo dos traballos da meirande parte dos escépticos, polo menos ata os primeiros séculos da Idade Moderna, non era, en absoluto, a «fe» nin a «relixión», senón, principalmente, aquilo que os seus contemporáneos denominaban «ciencia». Imos facer unha breve desviación na cronoloxía da nosa historia do escepticismo (que chegou, no artigo anterior, á obra de Hume no apoxeo da Ilustración) para lle botarmos unha ollada ao relato de como a relixión acabou sendo a vítima máis paradigmática dos argumentos escépticos.