Unha breve e incerta historia do escepticismo (VIII): Tes cerebro ou tes relixión?

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 28 de decembro de 2015 Skepticism, a short uncertain story (8): Do you have a brain or a religion?, de Jesús Zamora Bonilla, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Unha breve e incerta historia do escepticismo (VII): As guerras da Vulgata.]

d0b0d0b52694
Abul ʿAla al-Maʿarri.

Se liches os artigos anteriores, xa podes imaxinar que transformar o escepticismo nunha arma contra as crenzas relixiosas non era, en absoluto, unha tarefa doada. Isto non implica que non houbese críticas á relixión antes da Idade Moderna; sen mencionar os nosos encantadores gregos, na Idade Media tamén houbo un puñazo de pensadores árabes que non semellaban moi contentos coa presunta verdade do islam. Por exemplo, o poeta e filósofo sirio Al-Maʿarri (nado preto de Alepo a últimos do século x) criticou a relixión e as súas Escrituras sagradas por non seren máis ca unha colección de contos e lendas inútiles, pero principalmente criticou os crentes por aceptaren os dogmas das relixións sen sometelos ao escrutinio da razón; mesmo escribiu que «hai dous tipos de habitantes na terra: os que teñen cerebro, pero non relixión, e os que teñen relixión, pero non cerebro». Do mesmo xeito ca moitas das persoas que coñeceremos aquí, Al-Maʿarri non era estritamente ateo, pois non negaba a existencia de Deus, pero probablemente pensaba na divindade como un ser impersoal e rexeitaba explicitamente a outra vida. Dous (case) contemporáneos de Al-Maʿarri foron os persas Al-Rawandi e Al-Warraq, con semellantes visións da irracionalidade das máis das crenzas relixiosas. Curiosamente, «Ibn Warraq» é o sobrenome que escolleu o autor descoñecido do famoso libro de 1995 Why I Am Not a Muslim («Por que non son musulmán»).

Seguir lendo

Unha breve e incerta historia do escepticismo (VII): As guerras da Vulgata

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 7 de outubro de 2015 Skepticism, a short uncertain story (7): The Vulgate wars, de Jesús Zamora Bonilla, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Unha breve e incerta historia do escepticismo (VI): A nai de todas as causas perdidas.]

Se seguiches esta serie de artigos ata agora, xa aprenderías algúns detalles sorprendentes sobre a historia do pensamento occidental. Por exemplo, o feito de que os escépticos da antigüidade consideraban que era a suspensión do xuízo (e non a busca da certeza) a que mellor podía levarnos á felicidade, mediante a virtude da imperturbabilidade: ataraxia. Tamén o feito de que o empirismo radical, aínda que hoxe adoita estar asociado ao idealismo (a concepción de que os «datos sensoriais» fabricados pola mente son o noso único acceso directo ao coñecemento), ata o comezo da Ilustración era considerado como a máis típica forma de materialismo, ou o feito de que o albo dos traballos da meirande parte dos escépticos, polo menos ata os primeiros séculos da Idade Moderna, non era, en absoluto, a «fe» nin a «relixión», senón, principalmente, aquilo que os seus contemporáneos denominaban «ciencia». Imos facer unha breve desviación na cronoloxía da nosa historia do escepticismo (que chegou, no artigo anterior, á obra de Hume no apoxeo da Ilustración) para lle botarmos unha ollada ao relato de como a relixión acabou sendo a vítima máis paradigmática dos argumentos escépticos.

vulgata
Portada da edición de 1590 da Biblia Vulgata. [Dominio público]
Por suposto, foron xa os nosos estimados filósofos gregos os que comezaron a facer algo semellante a unha «crítica racional da relixión». Por exemplo, o presocrático Xenófanes de Colofón (século vi a. de C.) xa falara da irracionalidade de atribuírlles calidades antropomórficas aos deuses. Os epicúreos, pola súa banda, someteron a un rigoroso escrutinio as prácticas tradicionais asociadas ás relixións establecidas, pois estaban baseadas en ideas equivocadas sobre a natureza dos deuses (que, segundo Epicuro, eran tan perfectos e alfúfaros que pasaban olimpicamente de preocuparse das miserias humanas). Porén, como xa vimos nos artigos terceiro e cuarto desta serie, a maioría dos poucos autores da Idade Media e do Renacemento que poderiamos considerar (ata certo punto) «escépticos» non apuntaban os seus argumentos cara ás «verdades da revelación» (xa fose cristiá, musulmá ou xudía), é dicir, cara á fe relixiosa, senón cara ás teorías filosóficas establecidas do seu tempo. Non soamente iso, senón que o seu escepticismo foi, a miúdo, máis ben unha arma contra a posible superioridade do pensamento racional fronte á fe relixiosa.

Seguir lendo

Unha breve e incerta historia do escepticismo (VI): A nai de todas as causas perdidas

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 7 de outubro de 2015 Skepticism, a short uncertain story (6): The mother of all lost causes, de Jesús Zamora Bonilla, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Unha breve e incerta historia do escepticismo (V): O xenio maligno de Descartes.]

Cando Descartes abriu a caixa de Pandora do escepticismo e ceibou o xenio maligno, desencadeou un terrible tremor nas placas tectónicas do pensamento occidental, un tremor cuxas ondas chegan ata nós con máis ou menos forza e que contribuíron a conformar o noso panorama intelectual contemporáneo. O vindeiro artigo estará dedicado a narrar como o escepticismo poscartesiano (palabra que vén da versión latina do apelido de Descartes: Cartesius) afectou o statu quo das crenzas relixiosas, pero neste concentrarémonos en como o xenio maligno deu esquivado as tentativas de Descartes de domesticalo e mantelo caladiño no seu recuncho da caixa de Pandora.

descartes_evil_demon

Non cómpre dicir que os argumentos de Descartes a favor da existencia de Deus, da realidade das cousas que percibimos na nosa vida cotiá e da existencia e propiedades das nosas propias mentes foron criticados desde o principio. Por unha banda, a meirande parte das críticas das, digamos, posicións oficiais das universidades dubidaban da validez dos seus métodos, nun intento de salvar algúns tipos de «coñecemento» (xa fose ciencia aristotélica ou fe cristiá) que se consideraban importantes; porén, deixaremos isto para o artigo seguinte. O outro grupo principal de opoñentes a Descartes estaba composto por aqueles que máis tarde serían identificados como empíricos e que, talvez non por casualidade, adoitaban ser profesores non universitarios, ao menos durante a maioría das súas vidas intelectualmente activas. Estes non se opuñan á dúbida metódica de Descartes, senón á súa afirmación de poder probar tantas cousas grazas a el. Por suposto, houbo outros filósofos que estaban de acordo coas principais teses cartesianas e que as desenvolveron dun xeito máis amable; estes serían coñecidos máis tarde como racionalistas e os principais representantes serían Spinoza e Leibniz.

Seguir lendo

Unha breve e incerta historia do escepticismo (V): O xenio maligno de Descartes

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 14 de setembro de 2015 Skepticism, a short uncertain story (5): Descartes’ evil daemon, de Jesús Zamora Bonilla, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Unha breve e incerta historia do escepticismo (IV): O renacemento do escepticismo.]

header31

Ademais do descubrimento de América, o principal factor histórico da Idade Moderna europea foi probablemente a Reforma protestante. Como vimos no artigo anterior, o debate entre as diferentes denominacións cristiás foi o caldo de cultivo perfecto para pór de novo en voga os argumentos, recentemente redescubertos, dos antigos escépticos gregos (se ben, na práctica, durante 150 anos, este «debate» foi asunto de armas e guerras), e a principal vítima desta polémica foi, precisamente, a visión escolástica aristotélica da «ciencia» (aínda indistinguible da «metafísica» ou a «filosofía») que se desenvolvera na Idade Media para apoiar a cosmovisión cristiá. Porén, a fe cristiá sobreviviu case intacta a estes debates da modernidade temperá, quitando o feito de que, cando rematou a guerra dos Trinta Anos, os máis dos «intelectuais» xa tiñan máis ou menos claro que os dogmas relixiosos non poden basearse na razón, senón que proveñen da fe (secasí, a razón aínda tiña un papel importante para manter a coherencia interna dos dogmas e evitar contradicións demasiado palpables entre eles e o savoir cotián). A mediados do século xvii, non obstante, a fe (cristiá) aínda se consideraba unha fonte lexítima de «coñecemento», mentres a metafísica aristotélica sufrira golpes tan letais que xa se vira recluída nos poeirentos andeis dos despachos de historia da filosofía e nos escuros corredores das facultades de teoloxía. Nunca volveu acadar a categoría de fundamento sólido da investigación e do coñecemento científico agás, se cadra, no caso da bioloxía, onde seguiu con vida un par de séculos máis.

Seguir lendo

Unha breve e incerta historia do escepticismo (IV): O renacemento do escepticismo

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 31 de agosto de 2015 Skepticism, a short uncertain story (4): the renaissance of skepticism, de Jesús Zamora Bonilla, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Unha breve e incerta historia do escepticismo (III): Dúbidas medievais.]

port_dom-563x640

Como vimos na entrada anterior desta serie, o escepticismo tivo un papel bastante pouco importante durante o desenvolvemento da filosofía medieval, talvez a excepción da interesante posibilidade de considerar escéptico a Pseudo-Dionisio no que concirne ao coñecemento da natureza de Deus (non no que concirne á súa existencia, por suposto… agás que «existir» sexa unha das características dubidosas pertencentes á natureza de algo). Para todos os grandes teólogos medievais, o escepticismo converteuse nunha especie de «home de palla» que se sentían obrigados a «refutar» nalgún punto dos seus longos e elaborados escritos.

As cousas comezaron a cambiar de xeito substancial cara á fin da Idade Media, co redescubrimento dos textos de Sexto Empírico e outras fontes sobre o escepticismo antigo. Pero, se o rexurdimento dos argumentos escépticos arredor do século xvi ten unha grande importancia, non é por unha mera cuestión filolóxica, senón polo poder que aqueles argumentos estaban destinados a ter nas enormes transformacións sociais e culturais que as sociedades occidentais comezaban a experimentar. O escepticismo moderno tivo tres tradicións principais como obxectivos: a tradición da ciencia e a tradición da relixión, por unha banda, e as «tradicións», digamos, das ideas e cultura populares, pola outra banda.

Seguir lendo

Unha breve e incerta historia do escepticismo (III): Dúbidas medievais

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 3 de xuño de 2015 Skepticism, a short uncertain story (3): medieval doubts, de Jesús Zamora Bonilla, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Unha breve e incerta historia do escepticismo (II): Os pirrónicos.]

christofsaintjohnofthecross-dali-356x640

Quizais non sabías que o filósofo máis influente da Alta Idade Media non existiu realmente. Este paradoxo à la Zenón explícase porque os escritos deste filósofo selle atribuíron a unha persoa diferente, moito máis autoritaria; polo tanto, despois de que esta confusión fose descuberta uns mil anos máis tarde polo humanista Lorenzo Valla e outros, resultou que basicamente todos os filósofos (ou seica mellor teólogos) medievais estiveran citando e discutindo o traballo de alguén que non era quen eles crían. Como non temos nin idea da identidade do autor real deses libros, a historia deixou gravado o nome do falso autor na tradición filosófica, así que non te sorprendas se atopas unha referencia a un tal «Pseudo-Dionisio Areopaxita».

Seguir lendo

Unha breve e incerta historia do escepticismo (II): Os pirrónicos

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 11 de maio de 2015 Skepticism, a short uncertain story (2): the Pyrrhonians, de Jesús Zamora Bonilla, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Unha breve e incerta historia do escepticismo (I): A orixe.]

pyrrho

Rematamos o primeiro artigo desta serie presentando o home que, talvez, é o primeiro filósofo propiamente escéptico, Gorxias de Leontini, quen, como xa vimos, propuxo:

  1. que o ser non é (ou «nada existe»);
  2. que, se o ser existise, non poderiamos sabelo, e
  3. que, se puidésemos saber algo, non poderiamos dicilo.

Porén, esta postura apenas é máis «escéptica» ca a dun estrito contemporáneo de Gorxias que se volveu moitísimo máis famoso: o ateniense Sócrates (470–399 a. de C. aprox.), mestre de Platón (e moitos máis) e cuxa tese principal é, como seguramente lembrarás, que «só sei unha cousa: que nada sei».

Seguir lendo

Unha breve e incerta historia do escepticismo (I): A orixe

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 15 de abril de 2015 Skepticism, a short uncertain story (1): The origins, de Jesús Zamora Bonilla, que pode lerse nesta ligazón.]

Nós os filósofos adoitamos ser máis escépticos ca a persoa media (aínda que, se coñeces unha chisca das teorías dalgúns filósofos, comprendería que tomases a miña aseveración cun pouco de escepticismo). Porén, nesta serie de artigos faremos unha breve visita a algúns dos autores máis engaiolantes da historia da filosofía: os escépticos de verdade. Non falarei das teorías de todos os filósofos escépticos, nin tan só das da maioría deles, senón soamente das daqueles que considero máis importantes e, nos derradeiros artigos, aqueles que teñen máis que dicir sobre a filosofía da ciencia.

skepticism

Seguir lendo