[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 28 de decembro de 2015 Skepticism, a short uncertain story (8): Do you have a brain or a religion?, de Jesús Zamora Bonilla, que pode lerse nesta ligazón.]
[O artigo previo da serie é Unha breve e incerta historia do escepticismo (VII): As guerras da Vulgata.]
Se liches os artigos anteriores, xa podes imaxinar que transformar o escepticismo nunha arma contra as crenzas relixiosas non era, en absoluto, unha tarefa doada. Isto non implica que non houbese críticas á relixión antes da Idade Moderna; sen mencionar os nosos encantadores gregos, na Idade Media tamén houbo un puñazo de pensadores árabes que non semellaban moi contentos coa presunta verdade do islam. Por exemplo, o poeta e filósofo sirio Al-Maʿarri (nado preto de Alepo a últimos do século x) criticou a relixión e as súas Escrituras sagradas por non seren máis ca unha colección de contos e lendas inútiles, pero principalmente criticou os crentes por aceptaren os dogmas das relixións sen sometelos ao escrutinio da razón; mesmo escribiu que «hai dous tipos de habitantes na terra: os que teñen cerebro, pero non relixión, e os que teñen relixión, pero non cerebro». Do mesmo xeito ca moitas das persoas que coñeceremos aquí, Al-Maʿarri non era estritamente ateo, pois non negaba a existencia de Deus, pero probablemente pensaba na divindade como un ser impersoal e rexeitaba explicitamente a outra vida. Dous (case) contemporáneos de Al-Maʿarri foron os persas Al-Rawandi e Al-Warraq, con semellantes visións da irracionalidade das máis das crenzas relixiosas. Curiosamente, «Ibn Warraq» é o sobrenome que escolleu o autor descoñecido do famoso libro de 1995 Why I Am Not a Muslim («Por que non son musulmán»).