Unha breve e incerta historia do escepticismo (VII): As guerras da Vulgata

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 7 de outubro de 2015 Skepticism, a short uncertain story (7): The Vulgate wars, de Jesús Zamora Bonilla, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Unha breve e incerta historia do escepticismo (VI): A nai de todas as causas perdidas.]

Se seguiches esta serie de artigos ata agora, xa aprenderías algúns detalles sorprendentes sobre a historia do pensamento occidental. Por exemplo, o feito de que os escépticos da antigüidade consideraban que era a suspensión do xuízo (e non a busca da certeza) a que mellor podía levarnos á felicidade, mediante a virtude da imperturbabilidade: ataraxia. Tamén o feito de que o empirismo radical, aínda que hoxe adoita estar asociado ao idealismo (a concepción de que os «datos sensoriais» fabricados pola mente son o noso único acceso directo ao coñecemento), ata o comezo da Ilustración era considerado como a máis típica forma de materialismo, ou o feito de que o albo dos traballos da meirande parte dos escépticos, polo menos ata os primeiros séculos da Idade Moderna, non era, en absoluto, a «fe» nin a «relixión», senón, principalmente, aquilo que os seus contemporáneos denominaban «ciencia». Imos facer unha breve desviación na cronoloxía da nosa historia do escepticismo (que chegou, no artigo anterior, á obra de Hume no apoxeo da Ilustración) para lle botarmos unha ollada ao relato de como a relixión acabou sendo a vítima máis paradigmática dos argumentos escépticos.

vulgata
Portada da edición de 1590 da Biblia Vulgata. [Dominio público]
Por suposto, foron xa os nosos estimados filósofos gregos os que comezaron a facer algo semellante a unha «crítica racional da relixión». Por exemplo, o presocrático Xenófanes de Colofón (século vi a. de C.) xa falara da irracionalidade de atribuírlles calidades antropomórficas aos deuses. Os epicúreos, pola súa banda, someteron a un rigoroso escrutinio as prácticas tradicionais asociadas ás relixións establecidas, pois estaban baseadas en ideas equivocadas sobre a natureza dos deuses (que, segundo Epicuro, eran tan perfectos e alfúfaros que pasaban olimpicamente de preocuparse das miserias humanas). Porén, como xa vimos nos artigos terceiro e cuarto desta serie, a maioría dos poucos autores da Idade Media e do Renacemento que poderiamos considerar (ata certo punto) «escépticos» non apuntaban os seus argumentos cara ás «verdades da revelación» (xa fose cristiá, musulmá ou xudía), é dicir, cara á fe relixiosa, senón cara ás teorías filosóficas establecidas do seu tempo. Non soamente iso, senón que o seu escepticismo foi, a miúdo, máis ben unha arma contra a posible superioridade do pensamento racional fronte á fe relixiosa.

Seguir lendo

Unha breve e incerta historia do escepticismo (IV): O renacemento do escepticismo

[Esta é unha tradución adaptada do artigo orixinal de 31 de agosto de 2015 Skepticism, a short uncertain story (4): the renaissance of skepticism, de Jesús Zamora Bonilla, que pode lerse nesta ligazón.]

[O artigo previo da serie é Unha breve e incerta historia do escepticismo (III): Dúbidas medievais.]

port_dom-563x640

Como vimos na entrada anterior desta serie, o escepticismo tivo un papel bastante pouco importante durante o desenvolvemento da filosofía medieval, talvez a excepción da interesante posibilidade de considerar escéptico a Pseudo-Dionisio no que concirne ao coñecemento da natureza de Deus (non no que concirne á súa existencia, por suposto… agás que «existir» sexa unha das características dubidosas pertencentes á natureza de algo). Para todos os grandes teólogos medievais, o escepticismo converteuse nunha especie de «home de palla» que se sentían obrigados a «refutar» nalgún punto dos seus longos e elaborados escritos.

As cousas comezaron a cambiar de xeito substancial cara á fin da Idade Media, co redescubrimento dos textos de Sexto Empírico e outras fontes sobre o escepticismo antigo. Pero, se o rexurdimento dos argumentos escépticos arredor do século xvi ten unha grande importancia, non é por unha mera cuestión filolóxica, senón polo poder que aqueles argumentos estaban destinados a ter nas enormes transformacións sociais e culturais que as sociedades occidentais comezaban a experimentar. O escepticismo moderno tivo tres tradicións principais como obxectivos: a tradición da ciencia e a tradición da relixión, por unha banda, e as «tradicións», digamos, das ideas e cultura populares, pola outra banda.

Seguir lendo